jueves, 16 de octubre de 2014

A Malla.


     ...meu amig@, a asociación de veciños Painceiras de Ribadeume-Bermui invitáronme á súa festa da malla. Espero que a través das seguintes fotos te traslade no tempo, ou se es máis novo vexas como se facían os distintos traballos.
Recordo con ilusión o día da malla. Os días eran longas xornadas de moito traballo, pero tamén de diversión, pois os veciños do lugar reuníanse para axudarse, e non faltaban as conversacións e bromas, e para que o traballo se levase mellor acompañábase de augardente.
     Era todo un espectáculo poder ver como traballaba a malladora e a limpadoira.
     Sen máis preámbulo móstrovos as fotos que irei describindo.
O protagonista é o trigo, pero tamén se mallaba centeo, avea e cebada.

     Recordo de neno cando vivía na Ponte da Pedra, ao Sr. Juan e a súa dona a Sra. Genoveva que utilizaban os mallos, que consistían en dous paus unidos con tiras de coiro. Un máis longo, por onde se collía e que se chamaba mangueira e outro máis curto, que é o que golpeaba as espigas e que se chamaba pértega.
Nesta ocasión os protagonistas son os veciños de Ribadeume.

      A malla era común en Galicia, con algunhas variantes segundo a zona, o ritual podería describirse do seguinte xeito:

     Unha vez que o motor, a malladora e limpadora están na eira, teñen que ser niveladas e axustadas para o bo funcionamento da malla.
     A meda subíanse unha ou dúas persoas e tiraban os mollos sobre o limpeiro, outro recibíaos, e depositábaos sobre a mesa da malladora, o primeiro desatábaos e pasáballos a outro que os espelia para descompactalos e o terceiro era o encargado de metelos na máquina.

     A malladora, encargábase de separar o gran da palla, o trigo sae por un lateral mentres que a palla é expulsada por atrás onde se recollía e se facían os feixes ou cuañeiras, o encargado de facer o palleiro era un experto en colocar a palla, pois tiña que asegurar que este non caese, non entrase a auga de chuvia e permitir arrancar doado a palla.
     Para limpar o gran utilizábase unha máquina que consistía basicamente nun gran ventilador. Pola parte superior botábase o gran con restos das espigas, que pasaba por unhas cribas e por diante unhas aspas que xiraban a gran velocidade; o po e a sucidade saían arrastrados polo aire e o gran, xa limpo, caía polo seu propio peso pola parte traseira, e por un lateral as arganas.

Asentamento e nivelado.
Colocacion do limpeiro.
Encendido da buxía e proba da máquina.
Comprobando o tensado e aliñado da correa.
Asentado e nivelado da limpadora.
Alimentando a malladora.
Facendo o palleiro.
Limpo o gran, só falta levalo ao muíño.
  
     Outra sorpresa que nos tiña preparada a directiva de "Painceiras" era a preparación do liño.
     O liño e a la eran os materiais cos que se confeccionaba a roupa de uso persoal e tamén para a casa.
     Os cabezos (liño fino) confeccionaban dende camisas para homes, chambras para as mulleres, sabanas, toallas, panos de cociña, manteis, etc.
     Coa estopa facíanse sabas, calzóns para os homes, camisolas interiores para as mulleres.
     Coa mestura de diferentes liños facíanse colchas e alfombras.
     Hoxe en día o traxe tradicional galego confecciónase con liño, como son as camisas dos homes ou os calzóns.
Liño.
Ripo.
Liñaza.
Mazadoiro.
Ensarillado.
Os feroces dá galgueira amenizaron a festa da malla.
O xantar de confraternidade estaba baseada nos produtos típicos da malla.
Asociación de veciños Painceiras e asistentes á festa, moitas grazas.
Ata o próximo ano.